Turmagosto completa
26 xullo 2008Segundo día en São Paulo. O tránsito da megalópole paulista non o puxo fácil, mais no final deu chegado, dunha peza, o que faltaba. A Swissair indeminizou pola demora e a cousa non pasou finalmente dunha anécdota con lectura positiva no aspecto financeiro, aínda que nos supuxo perder un día. Completa por fin, a Turmagosto reuniuse co Joaquim, a Gabriela e a Dulcineia e comezou a definir o programa para as vindeiras semanas. Nos próximos días visitaremos a Escola Nacional Florestan Fernandes e o asentamento Dom Tomás Balduino, ambos nas proximidades de São Paulo. Os destinos posteriores non quedarán definidos ata o martes 29, mais, se non houber mudanzas, dirixirémonos a Paraná, para despois ponher rumbo a Mato Grosso do Sul, Minas Gerais e Río. Agora vamos ver se ceamos nunha churrascaría con aspecto cutre pero arrecendo irresistible, no medio da Avenida São João. Máis nada por hoxe. Haberá que ver ata que punto se reduce a frecuencia das entregas do noso diario de ruta unha vez que nos ponhamos en marcha…
Apertas,