A golpe de feixóns e kilómetros
30 xullo 2008Tra-la experiencia do Florestan Fernandes, voltamos ó Cepatec, aloxamento base onde deixaramos as mochilas anteriormente desta viaxe. A nosa idea era relaxarnos e reflexionar individual e colectivamente sobre esa intensa experiencia da fin de semana, mais non foi asĩ. A oferta de ir a superintendencia do INCRA (Instituto Nacional de Colonización e Reforma Agraria) en Sao Paulo non a puidemos rexeitar, e tra-la cena alí fumos a comprobar cómo a mellor forma de facer ruído é ir direitamente ás administracións. Impresionounos cómo tiñan ocupado un edificio similar ó da Xunta en Coruña (por poñer un exemplo), cómo levaban unha semana e fixeran dunha oficina de atención ó cidadán, unha cociña, e cómo respetaban as persoas maiores e os nenos dándolle prioridade no elevador (ascensor), cómo mantiñan un exhaustivo horario de comidas, e cómo mantiñan a limpeza lembrando que as colillas se tiraban no seu sitio.
No garaxe tiñan un concerto con bailadora de claquet incluído, mostrando que a loita non está ó marxe de expresións artísticas de calidade, e esta situación acompañada da colaboración do resto dos espectadores-participantes na festa-manifestación, ante unha situación que nos conmovía, conseguían irradiarnos alegría, esperanza e roubarnos un sorriso.
Cando nos fumos, nos comentaron que levaban unha semana, que decidirían se seguir ó día seguinte e que, en todo momento, negociaban cos traballadores dese edificio administrativo (encargado dos temas de reforma agraria) a forma de compatibilizar protesta deles e traballo por parte dos traballadores, cuias oficinas se mantiñan intactas. Nos pareceu unha magnífica forma de presión, dado que diante súa os traballadores, ademais de papeis, tiñan as persoas que daban nome a esos papeis, cara e voz a unhas letras que para os traballadores podían ser rutinarias pero para os alí presentes nesa reivindicación significaba moito: máis de mil familias do estado de Sao Paulo que estaban esperando a que se lles recoñecese a propiedade da terra que estaban ocupando.