Visita á Escola Nacional Florestan Fernandes
30 xullo 2008Fin de semana longo e intenso. O sábado 26 de xullo, cedinho pola manhá, saímos para a Escola Nacional Florestan Fernandes, a unha hora de São Paulo. A escola, que toma o seu nome dun sociólogo e deputado brasileiro cuxa traxectoria vital foi a dun home que se fixo a si mesmo a pesar das adversidades, construíuse entre 2000 e 2005 por medio de brigadas de traballadores voluntarios. Organizadas en estadías de dous o tres meses, as brigadas foron erixindo un centro educativo que conta con varios barracóns capaces de albergar a cerca de 300 persoas, alén de dous auditorios, unha biblioteca con máis de 12.000 títulos, videoteca, instalacións deportivas, sala de ordenadores, comedor… Na escola lévanse a cabo cursos de formación en Teoría política da América Latina e cursos en diversas materias que se organizan en colaboración con varias universidades e co apoio do PRONERA (Programa Nacional de Educación para a Reforma Agraria). Todos os moradores da escola, tanto os educandos como os integrantes da brigada permanente responsable da súa xestión, colaboran no funcionamento do centro e se turnan para realizar durante a semana as actividades necesarias para o seu mantemento. Son eles quen toman coidado das hortas e dos animais, cocinhan e mantenhen limpo o recinto. Desta forma, a escola aproveita ao máximo os recursos humanos dos que dispón e fomenta entre os seus educandos unha formación integral na que se equipara o traballo intelectual co manual.
A visita durou dous días e tivemos a sorte de que coincidise co aniversario do fallido asalto ao cuartel Moncada por parte dun grupo de homes e mulleres comandados por Fidel Castro en 1953, no preludio da Revolución Cubana, así que na escola se conmemorou a efeméride cun emotivo acto ao que asistimos delegacións de dezaoito países. A xornada completouse cun concerto dun grupo chileno que deu paso a unha festa que se foi animando a medida que avanzaba a noite e na que non importou que os equipos de música tivesen que deixar de soar chegada a unha da madrugada… Neste país basta cun par de instrumentos de percusión e algunhas botellas de cachaça para que a esmorga arranque e non tenha fin…