Viaxes da Turmagosto: Trasmundi existe

12 agosto 2008

Darío Xohán Cabana imaxinou sete vales retirados do mundo que albergaban certa sorte de xente mediana que se mantiña oculta para os máis grazas ás súas habilidades máxicas. Naquela sociedade de homiños de orellas picudas e rostro vulpino, sobre a cal quen quixer pode saber máis a través da moito recomendábel novela Fortunato de Trasmundi (que ofrece ademais a posibilidade de viaxar por boa parte do país galego sen saír do sofá), a propiedade privada non existe e os campos de cultivo e as hortas están á disposición de calquera morador que precisar unha leituga e un par de tomates para preparar o xantar. Compártese todo, ninguén pasa fame e os trasmundaos, que non adoitan saír moito da súa patria por causa do carácter individualista e a miúdo pouco amigábel da xente grande, viven felices e tranquilos en medio de moita risada e cunha afección ás veces excesiva por certa bebida producida a partir da fermentación de cereais. Pois ben, a Turmagosto (que, para quen aínda tiver dúbidas, non ten nada que ver con ningunha celebración popular caracterizada polo consumo de castañas e viño) acaba de comprobar que Trasmundi existe. E que non precisa esconderse de ninguén. Máis ben todo o contrario. Non sei de onde Darío Xohán Cabana tirou a idea para o seu libro, mais ben podía ter sido dunha pequena comunidade situada a menos dun quilómetro dos limites de Paranacity, no noroeste do estado brasileiro do Paraná. Alí se sitúa a COPAVI, ou Cooperativa de Produción Agropecuaria Vitória, un asentamento do MST de 15 anos de antigüidade no que 23 familias conviven e xestionan de forma colectiva unha próspera experiencia de produción agrícola. Nun espazo de 256 hectáreas, a COPAVI produce e vende leite, iogurt e derivados da cana (azúcar mascavo e cachaza orgánica principalmente), ademais de diversas froitas e hortalizas que se destinan ao sustento dos moradores do asentamento. O leite véndese, envasado en bolsas do tipo ”barriga mol”, como se denominan na rexión e que na Galiza lembramos como as antecesoras do hoxe omnipresente tetra-brik, para as poboacións circundantes, o azúcar de cana chega a estados como Río de Xaneiro, São Paulo ou Mato Grosso do Sul e a cachaza expórtase á Francia e á España baixo as marcas Camponeses e Liberação, respectivamente. Os moradores do asentamento organízanse sen distinción de sexo para traballar na industria da cana, na caldeira que a alimenta, na leitería, na horta, na liña de ordeña ou no coidado das vacas, das galiñas e dos porcos. Todos almorzan e xantan no comedor comunitario, ninguén traballa máis das oito horas estabelecidas como tope e, cando chegan as cinco da tarde, a comunidade deixa a laboura para se ocupar do que cada quen estimar máis conveniente, na maior parte dos casos dedicarse ás súas polo xeral bastante numerosas familias. Os moitos nenos da COPAVI acoden á escola municipal en turnos de mañá e tarde e reciben ademais aulas impartidas por un educador formado polo MST, tamén morador do asentamento, nas que se segue un modelo político-pedagóxico que fortalece novas formas de desenvolvemento no campo baseadas na xustiza social, na cooperación agrícola, no respecto ao ambiente e na valorización da cultura labrega. O resto do tempo acompañan e axudan aos seus maiores nas labouras agrícolas (dá gusto ver o interese e a soltura con que se desenvolven por noviños que sexan) ou aproveitan os moitos e variopintos espazos que lles ofrece o entorno no que viven para brincar á vontade. Un só ten que velos correr polos prados entre cercas eléctricas, meter os pés, ben protexidos con botas de goma, en pozas e lameiras ou escalar árbores con inusitada axilidade para deterse a pensar un anaco e cuestionar inevitábel e moi severamente o modelo de videoconsola e televisión que impera nos últimos tempos ao outro lado do Atlántico. A Turmagosto asistiu cos pícaros ás aulinhas, como eles se referen ás clases diarias que reciben no asentamento, e non fai falta dicir que o recibimento foi extremadamente cálido e cariñoso e que tanto meninos oriúndos, moitos deles nados na COPAVI mesmo, coma visitantes foráneos disfrutamos como nunca dunha xornada de xogos, carreiras e saltos.

No total foron catro días os que pasamos na COPAVI. Chegamos o martes 5 de agosto procedentes de Foz do Iguaçu, vía Maringá (desculpai o caos cronolóxico; estamos a 12 e aínda resta por contarvos a chegada da Turmagosto no Paraná… e xa andamos por Mato Grosso do Sul!). Paranacity recibiunos cunha treboada das que meten medo, e falo literalmente, axiña vos conto por que. Antes de iniciar a breve camiñada ata a COPAVI, seguindo as indicacións que Valmir, presidente da Cooperativa, nos tiña dado a tarde anterior por teléfono, procuramos un lanhouse, ou locutorio de internet, para nos resgardar do diluvio e aproveitar para poñer ao día o noso diario de viaxe neste blog, onde non se sabía nada de nós desde a visita en São Paulo ao asentamento Dom Tomás Balduino. Comprometidos con esta forma de comunicación, un dos aspectos positivos que podemos tirar da globalización, comezamos a viaxe co obxectivo firme de informar das nosas andainas coa maior regularidade posíbel. Non chegamos a dicir aquilo de “que nos parta un raio se non o facemos”, e ben bo que foi non facelo, porque pouco lle faltou… Estaba a Alba redactando e os Borja e Jacobo na porta do lanhouse abraiados ante a forza do trebón e os moitos litros por metro cadrado que estaban a caer, cando, no medio mesmo da principal avenida de Paranacity, a escasos cincuenta metros de nós, un raio bateu entre chispas nun poste eléctrico e deixou toda a vila sen luz durante uns segundos. Aí morreron os computadores todos do locutorio e frustrouse o noso intento de completar unha nova entrega das nosas viaxes. Amainou un pouco a tormenta e, en vista de que os ordenatas non querían arrancar, retomamos o camiño cara a COPAVI. Aí chegou a nosa seguinte sorpresa. Dun bar a carón da rúa alguén berrou os nosos nomes, perfectamente pronunciados en castelán, se ben cun acento que resultou estraño nun primeiro momento mais que axiña se deixou identificar como catalán en canto o tipo que nos chamara volveu falar. Era o Sergi, un rapaz de Manresa que veu para o Brasil en 2004 para coñecer o MST e que gostou tanto del que aquí segue. Agora mora e traballa na COPAVI e espera que, despois dun período a proba de varios meses, o asentamento aprobe en asemblea a súa incorporación definitiva á comunidade. Tras convidarnos a unha cervexiña de benvida, o amábel Sergi guiounos ata o asentamento, presentounos aos moradores, que xa esperaban a nosa chegada, e mostrounos durante o primeiro día as instalacións e terras da COPAVI. Deunos pousada Francisco Strozake, pai do Valmir e máis coñecido como Chicão, un dos fundadores do asentamento. El falounos de como o Incra expropiou en 1988 aquel pedazo de terra por ser improdutivo, de como o propietario recorreu á xustiza e detivo o proceso ata 1992, cando os xuíces decidiron a favor do Instituto Nacional de Colonización e Reforma Agraria e deixaron o camiño libre para a legalización do asentamento por parte do órgano gobernamental. Para entón, o MST, en vista do reducido tamaño da área conquistada e da mala calidade da terra, xa tiña decidido formar alí unha cooperativa. Constituída en principio por 12 familias, a COPAVI botou a andar o 10 de xullo de 1993, entre os receos e a animosidade inicial dos habitantes da rexión, co único apoio do padre Zezinho en Paranacity e doutro relixioso, membro da Comisión Pastoral da Terra e residente na localidade veciña de Cruzeiro, alén dalgúns militantes do Partido dos Traballadores (PT) da zona. Nunha área que anteriormente non se tiña empregado para outra cousa que non fose producir cana, os asentados comezaron a cultivar urucum, algodón e a criar galiñas. Coa legalización por parte do Incra chegaron as axudas económicas que se conceden a través do Procera, programa federal de créditos para asentados. Deuse prioridade á construción das infraestruturas necesarias para a posta en marcha da cooperativa por diante das vivendas dos moradores, e así foron chegando a cerca delimitadora da parcela, as cabezas de gando bovino e o tractor. Posteriormente comprouse unha primeira máquina de moer cana e, despois dalgún intento infrutuoso e previo paso dun dos asentados por un curso de produción de azúcar, púxose en marcha a hoxe florecente industria de azúcar mascavo ecolóxico da cooperativa Vitória, que constitúe un dos pilares do seu éxito.

Seu Chicão falounos tamén de como os asentados foron gañando paseniñamente o recoñecemento e o respecto da rexión, un proceso no que tivo un especial protagonismo o equipo de fútbol da cooperativa, que, alén de conquistar varios torneos locais, distinguiuse sempre pola súa deportividade, un capítulo no que monopolizaba os premios todos. A través do noso amábel e experimentado anfitrión soubemos da estrutura do asentamento, que, segundo o modelo do MST, se organiza en dous núcleos de base, dunhas dez familias cada un, que moran nas dúas rúas que forman a agrovila. Na zona central do asentamento, pasada a zona de vivendas, atópanse a cociña e o comedor, ademais dos edificios administrativos e aqueles que albergan as industrias de derivados de cana e de leite. Os compoñentes dos núcleos de base, que contan sempre cunha coordinadora e un coordinador, distribúense en sectores que xestionan o funcionamento da comunidade: produción, comunicación, industria, comercio, saúde, educación, pecuaria… Un equipo social, que no caso da Vitória conta coa asistencia dunha psicóloga contratada, ocúpase dos problemas de convivencia que puideren xurdir. Na COPAVI, a agresión física e o roubo pénanse coa expulsión. En caso de ofensa verbal, o agresor é amonestado e, se reincidir dúas veces, expulsado do asentamento. Os coordinadores dos diferentes sectores e dos núcleos de base forman o Consello, que se reúne unha vez por semana ou cando for preciso, analiza os problemas da comunidade e propón solucións. O órgano decisorio da Vitória é a asemblea, da que forman parte, sen distincións xerárquicas, todas e todos os asentados maiores de idade, e que se reúne como mínimo unha vez ao mes para a prestación de contas. Nada na COPAVI se fai sen a aprobación da asemblea.

A cuestión política nunca se descoida e un dos asentados fica liberado para o traballo cos asentamentos cercanos e co MST en xeral. Seu Chicão desempeñou esta función durante 9 anos, antes de que o cargo pasase a Antonio Soares, alcumado Sacola, quen na actualidade cumpre o seu segundo mandato como vereador (concelleiro) polo PT no término municipal de Paranacity. A liberada política da Vitória hoxe é a Solange, que, por certo, é mai do Cristiano, o rapaz que nos recibiu na nosa visita á Escola Nacional Florestan Fernandes e nos mostrou o recinto educativo. O Cristiano é un dos xoves criados na COPAVI que se está a formar en escolas do MST. Xunto con outros dos educandos do asentamento, que cursan licenciaturas como Agroecoloxía ou Pedagoxía, o mozo volve á COPAVI periodicamente para aplicar os coñecementos aprendidos, segundo o sistema de alternancia que o Movemento emprega nos seus centros aducativos e universidades coas que ten convenio.

 En resumo, que a loita pola Reforma Agraria funciona. Talvez esixa muito tempo e esforzo, mais no final dá certo. Nos acampamentos que visitamos tras deixar a Vitória, dos que vos falaremos en novas e esperamos que próximas entregas das Viaxes da Turmagosto, non podemos evitar transmitir o noso optimismo aos acampados, que se atopan nunha etapa anterior da conquista da terra e que, comprensibelmente, tenden en moitos casos a adoptar unha postura próxima ao “mentres non o vexa non o creo”. A Cooperativa de Produción Agropecuaria Vitória, unha sorte de realización da utopía comunista con enderezo postal (a pesar de que non lle queda outra que interaccionar co sistema capitalista para sobrevivir), é a proba. Que lle pregunten ao Sergi se non. Ou aos humildes integrantes da Turmagosto, a quen custou deus e axuda decidirse a saír de alí e continuar ruta. Hai luz no fin do túnel. Trasmundi existe.

Nenhum de nós é tão bom quanto todos nós juntos

P.D.: Podedes ler máis sobre a Cooperativa Vitória na edición dixital da revista Piauí, en http://www.revistapiaui.com.br/artigo.aspx?id=648&pag=4&anteriores=1&anterior=62008.

Deixa unha resposta