Viaxes da Turmagosto: actualización cronoxeográfica
26 agosto 2008Noticias da Turmagosto, por fin. Estamos no Río de Xaneiro xa, desde o pasado sábado. Aquí temos máis acceso á internet do que ata agora, así que nos próximos días tentaremos describir en máis detalle as experiencias das que aínda non vos falamos. O inciso de hoxe busca só poñer un pouco de orde cronoxeográfica ao acontecido durante as últimas semanas e encaixar nesa liña do tempo e do espazo o xa relatado ata este punto da nosa viaxe. Os últimos escritos que colocamos no blog correspondían ao noso paso polo asentamento Dom Tomás Balduino, no estado de São Paulo, e pola COPAVI, no Paraná. Despois de visitar en São Paulo o Dom Tomás Balduino e a Escola Nacional Florestan Fernandes, tiramos para o sur e chegamos ao Paraná. Tras o pertinente encontro cos responsábeis da Secretaría Estatal, en Curitiba, no que definimos o programa de visitas neste segundo estado do noso itinerario, demos un paseo rápido pola capital paranaense. Na tarde do mesmo día viaxamos en coche con dous militantes do MST ata a Escola Latino Americana de Agroecoloxía, da Vía Campesina, situada a uns 70 quilómetros de distancia da capital, no término municipal de Lapa e nas terras do asentamento Contestado. Ficamos tres días e dúas noites na escola, onde asistimos a algunhas aulas e visitamos algunhas familias asentadas. No terceiro día voltamos para Curitiba e tomamos un bus nocturno ata Foz do Iguaçu, no extremo suroccidental do estado, xusto na fronteira entre Brasil, Paraguai e Arxentina. Alí, continuando coa liña inicial marcada polo noso interese nas experiencias educativas do Movemento Sen Terra, visitamos o ITEPA, Instituto Técnico de Educación e Pesquisa da Reforma Agraria, ubicado no municipio de São Miguel do Iguaçu, a uns 30 quilómetros de Foz. O 4 de agosto, despois de aproveitarmos o paso polo ITEPA para visitar as impresionantes cataratas do río Iguaçu (que actúan como fronteira natural entre Brasil, Paraguai e Arxentina, e fan cumprido honor ao nome do río, que en guaraní significa “augas grandes”), así como o Parque Nacional do Iguaçu, puxemos rumbo ao norte do estado e desprazámonos, de noite como sempre, ata Maringá. De aí continuamos ata Paranacity para visitar a COPAVI. O 8 de agosto, tras a magnífica e proveitosa estadía xa relatada na inesquecíbel Cooperativa Vitória, dispuxémonos a mudar de estado de novo. O noso destino nesta ocasión era Mato Grosso do Sul, co que Paraná linda no seu extremo noroccidental. Na mañá do sábado 9 de agosto chegamos ao municipio de Itaquiraí, onde nada menos que o 80% da poboación son familias asentadas, para visitar o acampamento Santo António. Tras dous días no lugar, que aproveitamos tamén para coñecer parte do asentamento Santa Rosa, continuamos ata a capital sulmatogrossense, Campo Grande. Tras unha nova reunión cos responsábeis da Secretaría Estatal do MST, onde coñecemos un pouco máis polo miúdo a situación do Movemento neste estado no que moran máis cabezas de gando bovino que persoas, aprestámonos a facer turismo por uns días e visitar o ineludíbel Pantanal, previo paso pola localidade de Bonito, cuxo nome constitúe unha boa pista para descubrir os tesouros naturais que a rexión circundante contén. Tras o Pantanal, onde, ademais de ver fauna salvaxe de todo tipo tivemos varias conversas moi “proveitosas” acerca do MST con algúns brasileiros alleos ao Movimento, pasamos unha interesante noite de conversa en Campo Grande con Fátima, da Secretaría Estatal, e o seu compañeiro Rodrigo, que nos acolleron cariñosamente na súa casa. Na mañá do sábado 16 tomamos un autobús ata Belo Horizonte, no estado de Minas Gerais, camiño de Espirito Santo, xa no litoral. Para facer a viaxe, de dous días no total, un pouco máis cómoda, e para non ter que ver Minas Gerais, un estado do tamaño da Francia, só desde o bus, fixemos escala na capital mineira e aproveitamos para achegarnos á vila de Ouro Preto, unha xoia arquitectónica da etapa da invasión portuguesa. O luns 18 chegamos por fin ao litoral, máis en concreto á cidade de Vitória, capital de Espirito Santo. Neste estado asistimos a un acto público contra a criminalización dos movementos sociais celebrado na localidade de São Mateus, no norte do estado, ao que asistiron representantes de diversas autoridades gobernamentais e movementos. Alí fixemos os contactos necesarios para visitar nos seguintes días unha comunidade quilombola da rexión, un preasentamento do MST situado perto da localidade máis meridional de Linhares, no que asistimos en vivo a un tenso incidente que envolveu representante do Incra, técnico do Ibama, facendeiro e acampados, e, finalmente, para coñecer unha aldea de indios tupiniquíns. Destas comunidades e dos seus problemas coas transnacionais produtoras de papel falarémosvos proximamente. Agora que estamos no Río teremos máis posibilidade de informar polo miúdo sobre todos estes acontecementos que acabo de mencionar. Se cadra mesmo damos colocado algunhas fotos tamén. Como xa vos dixen ao principio, isto non pretende ser máis que un inciso aclaratorio. Aínda que talvez quedou algo longo de máis para chamalo así… En fin, que nos lemos en breve. Apertas para todos.